
Lalín é un dos concellos máis extensos de Galicia. Conta cunha superficie de algo máis de 326 km2 distribuidos en 52 parroquias cunha poboación total de 21.231 habitantes. O rural é un elemento fundamental do Concello de Lalín onde reside gran parte do seu atractivo como destino turístico.
Este municipio, regado polas correntes dos ríos Deza e Asneiro, ten os seus puntos máis elevados na Serra do Candán e o monte de Coco en Testeiro. As carballeiras, os seus castros, os ríos e as fragas constitúen unha paraxe natural sen igual que cautiva a atención de todos os visitantes que se achegan ata as súas terras.
Ó longo dos seus 326 quilómetros cadrados, o Concello de Lalín garda incomparables tesouros naturais, como as carballeiras da Crespa, do Rodo e de Barcia, sendo esta última a máis singular por contar con centos de carballos perfectamente alinados en ringleiras.
Asemade, tamén destacan pola súa beleza outros lugares como o souto de Quiroga, en Catasós, ou a Serra do Candán.
 Enlaces relacionados |
|
|