O clima de Lalín é de tipo oceánico e está caracterizado pola súa suavidade térmica, unha sequía estival relevante e a abundancia de precipitacións no período outonal e invernal, aínda que sen alcanzar a media galega.
A pesar destas características xerais uniformes, a extensión xeográfica do municipio (326 km2) e a súa irregularidade orográfica provocan que en función da altitude do lugar no que un se atope se poidan apreciar importantes contrastes térmicos e pluviométricos.
As medicións recollidas dende a Estación Meteorolóxica de Mouriscade reflexan que durante os últimos doce meses se rexistraron choivas en Lalín nun total de 125 días e xeadas nun total de 74.
En canto ás estadísticas das temperaturas, a media do último ano foi de 10,7 graos centígrados, sendo a media das máximas 17,7 oC e a media das mínimas 4,7 oC. No mesmo período, a temperatura máxima absoluta alcanzou os 36,2 oC e a mínima absoluta baixou ata os -6,7 oC.

|